Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez criticaron hoxe a falta de compromiso amosada onte polos responsables do Goberno central e de AENA para o impulso dos tres aeroportos galegos, en especial o de Peinador, e demandou aos responsables do Concello de Vigo unha maior implicación e colaboración coa Xunta de Galicia para que o aeroporto de Peinador deixe de perder enlaces aéreos e sexa máis atractivo para as compañías aéreas.
Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez desprazáronse ata o aeroporto de Peinador para lamentar a “fuxida” protagonizada onte polos responsables de AENA, “máis preocupados por atender as súas cuestións persoais que en buscar solucións eficientes para paliar a perda de voos e prazas a consecuencia das decisións adoptadas por Ryanair, cando son os responsables directos da coordinación dos aeroportos e de facer unha planificación eficiente das rutas”.
FORMATO INEFICAZ
“Quedou demostrado a ineficacia do formato destas reunións, onde o Goberno central e AENA se limitan a vender os seus investimentos nos aeroportos pero non entran no fondo do problema que neste momento máis preocupa aos galegos: a falta dunha oferta eficiente de voos desde os tres aeroportos de Galicia que sexa capaz de competir co avance permanente que viven aeroportos como o de Porto”, sinalou Miguel Fidalgo.
Así mesmo, o deputado criticou “a ausencia do alcalde de Vigo nunha reunión tan importante para o aeroporto de Peinador, enviando a unha concelleira máis preocupada en lanzar bulos sobre supostas axudas da Xunta a outros aeroportos galegos que en poñer enriba da mesa medidas para o impulso do aeroporto de Vigo”. “É o momento de deixar á marxe as liortas políticas e que os concellos e a Xunta traballen da man para que AENA asuma as súas responsabilidades cos aeroportos galegos e poña en marcha medidas que permitan incrementar as conexións aéreas e a chegada de novas compañías”, anotou.
Pola súa banda, Felisa Rodríguez manifestou que “esta situación que vive o aeroporto de Vigo non só afecta ao sector turístico, porque a redución de enlaces aéreos é unha cuestión que repercute noutros sectores importantes da nosa economía, como a industria e o comercio”.