O vicepresidente e portavoz do Partido Popular de Galicia na Fegamp, Ángel Moldes, lamentou hoxe a «falta de diálogo e transparencia» na convocatoria do ‘cumio municipal’ sobre a gratuidade da AP-9, anunciado por sorpresa pola alcaldesa de Santiago a través dun correo electrónico enviado a varios alcaldes.
«Unha vez máis, enterámonos das intencións da Fegamp, do seu presidente, Alberto Varela, e do PSOE, fóra do seo da Fegamp e sen ningún tipo de diálogo co Partido Popular», afirmou Moldes, denunciando a «utilización partidista» da Federación Galega de Municipios e Provincias por parte do PSOE en conivencia co BNG.
O portavoz popular solicitou a Varela que «recapacite e dialogue co PP», ao tempo que demandou que o debate inclúa non só a gratuidade da AP-9, senón tamén a súa transferencia a Galicia. «Antes dun anuncio tan importante e de falar en nome de todos os municipios galegos, débese consensuar», insistiu.
Moldes criticou ademais que «o PSOE non está preparado para liderar un cumio sobre a gratuidade da AP-9», recordando que o partido votou en contra desa medida no Senado a semana pasada e aprazou ata en 36 ocasións no Congreso o debate sobre a transferencia da autoestrada.
«Xa está ben de tanta deslealdade e de utilizar a Fegamp ao antollo do PSOE e do BNG. O que Galicia precisa é unha defensa real dos seus intereses, non estratexias partidistas», concluíu Moldes.