Santiago, 1 de xuño de 2017.- A deputada do Grupo Popular María Antón Vilasánchez criticou a “frivolidade” amosada polo BNG esta tarde no Parlamento “ao solicitar que a Xunta dedique recursos públicos á conservación, mantemento e restauración de bens integrantes do patrimonio cultural galego que son de titularidade privada”.
“Xa sabemos que para os nacionalistas galegos o dereito á propiedade privada e a herdanza que recoñece o artigo 33 da Constitución Española non valen nada, pero para nós si e consideramos que non se pode falar alegremente de expropiar unha propiedade privada”, concretou María Antón.
CONSERVACIÓN POLOS TITULARES
Na súa intervención, a deputada popular lembrou que a Lei do Patrimonio Cultural recolle no seu artigo 32 que “as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioro”. “Polo tanto, os responsables do coidado e preservación de todos e cada un dos exemplos de patrimonio cultural que conforman esta proposición son os seus donos”, concretou.
Ademais, dixo que a mesma Lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece no seu artigo 3.2 que as entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen a obriga de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural; adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou o seu valor ameazados; comunicar á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran; e exercer, así mesmo, as demais funcións que teñan expresamente atribuídas en virtude desta lei.
“Como é sabido, cando a lei fala de Administración local non se refire exclusivamente aos concellos, porque a Administración local tamén son as deputacións, polo que antes de chegar á Xunta, que é a que ten competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia, hai moitas fases intermedias nas que actuar”, manifestou.