Santiago, 21 de novembro de 2017.- A deputada do Grupo Popular María Antón Vilasánchez criticou hoxe a “incongruencia” do Grupo Socialista ao solicitar que a Xunta “prive aos cabidos das catedrais o establecemento dunha entrada que xere recursos para o financiamento destes inmobles” e ao mesmo tempo estea a pedir que a Xunta actúe na recuperación deste patrimonio privado”.
“A valorización do patrimonio ten que pasar por unha boa xestión que permita xerar recursos propios destinados ao seu mantemento e á súa preservación para futuras xeracións, así como a súa divulgación e promoción”, afirmou a deputada popular.
A IGREXA, NO PUNTO DE MIRA
María Antón asegurou “non ter moi claro cal é o fin real desta solicitude socialista, máis aló que poñer no punto de mira á Igrexa católica”. Así, sinalou que, extrapolando esta solicitude para privar de cobrar entrada nas catedrais, “tería a Xunta que prohibir que calquera outra institución que recibe as súas achegas para restaurar ou conservar o seu patrimonio establecera unha entrada ao público, como o Museo do Pobo Galego ou a Casa de Rosalía de Castro; ou deberíamos pedir pases gratuítos das películas que reciben subvencións das administracións públicas”.
“A posta en valor dos bens integrantes do patrimonio galego debe levar consigo unha xestión dos mesmos que permita a súa preservación, a súa promoción e divulgación para achegar á cidadanía os valores culturais, patrimoniais e artísticos que representan”, sinalou a deputada popular.
ENTRADA PARA CONSERVACIÓN E MELLORA DA ATENCIÓN
Neste sentido, considerou que “o establecemento dunha entrada para as catedrais ou calquera outro ben cultural debe servir para a lo menos dúas cuestións: contribuír ao mantemento diario e conservación do monumento, reinvestindo o recadado no propio monumento; e a mellora na atención ao público, tanto en medios persoais como materiais para que as visitas turístico-culturais poidan realizarse en condicións óptimas”.
Antón explicou que as catedrais están declaradas como BIC e por este motivo o cabido, responsable do seu goberno e xestión, debe cumprir a lexislación vixente facilitando a visita pública gratuíta cando menos catro días ao mes. “Fóra desa obriga xenérica, nada impide para que o acceso a estes BIC sexa mediante unha entrada”.
Para rematar, a deputada popular lembrou que a Xunta mantén unha interlocución coas dioceses de Galicia a través da Comisión Mixta Xunta-Igrexa, cuxo regulamento vén de aprobarse o pasado mes de agosto. “Esta recente regulación, de seguro que permitirá mellorar as condicións de visita e o goce desde a perspectiva cultural das catedrais e doutro patrimonio relixioso de valor cultural”, sinalou.