Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez criticaron hoxe que “os deputados do BNG e do PSdeG viven na mentira e o engano permanente aos galegos” e concretaron que “a última falcatruada fixérona coa rebaixa da protección para o lobo: primeiro votaron a favor de quitarlle esta protección no Parlamento galego e o pasado xoves no Congreso votaron posicionáronse en contra”.
Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez, acompañados do alcalde, José Manuel Mato, visitaron a explotación Devesa Langueirón en Ponteceso para poñer en valor a aprobación o pasado xoves no Congreso da saída do lobo da listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lespre), “unha medida que permitirá que o rural galego e os nosos gandeiros volvan ter a protección que merecen fronte aos ataques deste animal”.
Neste sentido, criticaron o voto en contra no Congreso dos deputados do PSOE e do BNG a este acordo, “cambiando a súa postura so catro meses despois de que no Parlamento galego votarán a favor de quitarlle a protección ao lobo”. “O que puxeron de manifesto os deputados galegos, tanto socialistas como nacionalistas galegos, é que o único que lles interesa é atender sempre os intereses de Pedro Sánchez, dando as costas neste caso aos nosos gandeiros e a defensa das súas explotacións”, indicaron.
CRITERIOS RESPONSABLES
“Galicia sempre defendeu que a inclusión do lobo no Lespre non obedecía a criterios responsables, porque o lobo está moi lonxe de estar en perigo de extinción, xa que está presente en máis do 90 por cento do territorio galego, e, de xeito paralelo, o número de avisos por ataques incrementouse un 72 por cento desde 2021, cunha aumento das reses afectadas do 57 por cento”, explicaron.
Porén, os deputados popular afirmaron que este acordo “non suporá unha persecución desapiadada do lobo a partir de agora, senón que levará aparellada a adopción de medidas de control da especie e o restablecemento do equilibrio entre a súa protección e as actividades gandeiras que se desenvolven no rural”.