Santiago, 2 de decembro de 2020.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, criticou hoxe que socialistas e nacionalistas “pidan agora unha mesa de traballo para elaborar os proxectos que opten aos fondos de reconstrución da Unión Europea, cando o Goberno galego xa leva traballando na preparación destes proxectos desde o pasado mes de maio a través do Comité de Expertos Económicos e do diálogo social”.
Diante da solicitude realizada esta tarde polo PSdeG na Comisión 6ª, Miguel Tellado lembrou que no Pleno da pasada semana xa se aprobou unha proposición non de lei, co único voto a favor do Grupo Popular, a través da que se demanda ao Goberno central que estableza un sistema de reparto dos fondos europeos baseado na transparencia e na obxectividade, que teña en conta os principios de subsidiariedade e goberno multinivel; de concorrencia competitiva; e de cohesión social e territorial.
“O importante é como se van repartir eses 140.000 millóns de fondos europeos que chegarán a España, porque estamos seguros que unha vez máis Galicia vai saír malparada e castigada polo Goberno de Pedro Sánchez”, sinalou. Neste sentido, lamentou que os socialistas galegos “defendan incondicionalmente a Pedro Sánchez, que sempre castigou a Galicia”, e puxo como exemplos a devolución do IVE pendente, os incentivos polo cumprimento fiscal ou o primeiro reparto de axudas pola Covid-19.
COMITÉ EXPERTOS GALEGO FRONTE Á DECISIÓN DE MONCLOA
Neste sentido, contrapuxo o Comité de Expertos Económicos, “con nomes perfectamente coñecidos desde hai tempo e que asesora á Xunta na avaliación e presentación de todos estes proxectos aos fondos europeos, co descoñecemento existente sobre as persoas que asesoran ao Goberno central para o reparto destes fondos, que, segundo as informacións publicadas nos medios de comunicación, será directamente desde o gabinete de Pedro Sánchez”.
Para rematar, Miguel Tellado criticou a “euforia socialista” porque España sexa o país que máis fondos vai recibir de Europa, “cando máis ben debería ser ao contrario, porque é consecuencia de que é o país que vai sufrir o maior desplome económico da OCDE”. “Somos o país peor xestionado economicamente de Europa durante esta crise sanitaria”, lamentou.