Así mesmo, Martín Fernández subliñou que “tanto a Xunta como o PPdeG continuaremos loitando, como fixemos en todo momento e gobernara quen gobernara, para o traspaso da titularidade da AP-9 á Comunidade galega, o mantemento da Comisión Mixta Xunta-Ministerio e as súas reunións periódicas, a prestación dun servizo de calidade e a adopción de medidas ante situacións excepcionais no caso de retencións”. Neste sentido, avogou “pola elaboración por parte do Goberno central, que é quen ten competencias sobre a AP-9, dun estudo rigoroso sobre as alternativas ás peaxes e o rescate da actual concesión”.
“O señor Losada esquece que a causa desta suba das peaxes na AP-9 está nas obras de ampliación da Ponte de Rande, unha decisión que data do ano 2011 cando o Goberno socialista de Zapatero, con José Blanco de ministro de Fomento, e que foi aprobada 48 horas antes das eleccións xerais”, lembrou o portavoz popular. Neste sentido, engadiu que “a trampa apareceu despois das eleccións, cando na publicación deste acordo se descubriu que incluía unha suba das peaxes do 1 por cento anual durante 20 anos, sen que se dignaran a meter algunha outra medida paliativa para os usuarios”.