Santiago, 24 de xaneiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo acusou hoxe aos grupos da oposición de “pedir á Xunta cousas imposibles en materia de accesibilidade que nin vostedes mesmos fan onde gobernan”. Deste xeito, demandou que “vaiamos todos ao terreo do posible e que se pode ir facendo, sumando aos concellos aos pasos que a Xunta leva dado nos últimos anos na busca dunha maior accesibilidade e dunha maior integración das persoas con discapacidade”.
Rodríguez-Vispo lamentou a negativa de En Marea a chegar a un acordo hoxe no Parlamento con propostas para mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade. “Cando as propostas que se traen son pouco realistas e razoables é moito máis difícil chegar a acordos”, lamentou.
ACTUACIÓNS CONXUNTAS
Neste sentido, apuntou que “non só é que a Xunta non estea en condicións de poder abarcar todo o que vostedes piden na súa proposta, senón que tampouco vostedes o serían se presentáramos esta mesma proposta nos concellos onde vostedes gobernan”.
A proposta de emenda do Grupo Popular solicitaba que Xunta e concellos pacten que en cada proxecto de remodelación dunha estrada se contemplen criterios de accesibilidade, non só física senón tamén sensorial; que nas licitacións do transporte público se puntúe aquelas empresas que ofrecen servizos de autobús adaptado; que se difundan as axudas de rehabilitación para que se aproveiten na eliminación de barreiras arquitectónicas en vivendas; ou que os concellos imiten á Xunta na convocatoria de prazas de emprego público específicas para persoas con discapacidade intelectual.