Santiago, 17 de outubro de 2017.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, criticou hoxe que os grupos da oposición “soliciten neste Pleno actuacións en materia de dependencia, cando no recente Debate sobre o Estado da Autonomía rexeitaron a resolución do Grupo Popular instando á Xunta a impulsar unha estratexia global de mellora do sistema de atención á dependencia, conseguindo chegar aos 60.000 dependentes durante o vindeiro 2018”.
En concreto, Rodríguez Arias lembrou que esta estratexia vai dirixida a avanzar no compromiso do Estado e as comunidades autónomas para a posta en marcha dun novo sistema de financiamento da dependencia que teña en conta os diferentes servizos que se prestan e o seu custo de acordo coas características que presenta Galicia en canto a porcentaxe de persoas maiores e a dispersión.
RECOÑECEMENTO DE DEPENDENTES
“Ademais, esiximos ao Goberno central o incremento dos fondos para poder cumprir co obxectivo de financiamento establecido na Lei de Dependencia, de xeito que se melloren os servizos e as prestacións, ao tempo que se atenden ás persoas que teñen recoñecida a situación de dependencia e están agardando”, engadiu.
A resolución aprobada do Debate sobre a Autonomía tamén incorpora o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar a través dos concellos, distribuíndo o número de horas para atender as necesidades reais; e ampliar a rede pública de centros de día e servizos de residencia.
Así mesmo, Marta Rodríguez salientou que o actual Goberno galego “leva incrementado desde 2010 en 210 millóns de euros o investimento destinado á atención ás persoas en situación de dependencia, chegando neste 2017 aos 336 millóns de euros”.
“Este incremento de orzamento permitiu chegar a unha ratio de atención do 75,8 por cento en Galicia, por enriba do 71 por cento da media nacional e moi lonxe do 30 por cento existente en 2009”, engadiu.