Santiago, 22 de xuño de 2022.- O portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Adrián Pardo, criticou hoxe no Parlamento galego que as condicións establecidas polo Goberno central para acceder ao bono alugueiro para menores de 35 anos “impedirán acceder ao mesmo a persoas que cumpran os requisitos pero que estean compartindo vivenda con outras que non o fan, aínda que cada unha faga fronte ao pago da parte que lle corresponde do alugueiro”.
A modo de exemplo, Adrián Pardo concretou que “non poderá acceder a esta axuda quen, cumprindo os requisitos, comparta vivenda cunha persoa que ten unha vivenda en propiedade ou ten débedas coa Axencia Tributaria ou a Seguridade Social, aínda que ese compañeiro de piso non solicite o bono alugueiro”. Ademais, no caso de pisos compartidos vanse computar os ingresos de todas as persoas que residen no mesmo, aínda que a axuda a solicite só un dos residentes.
“Desta maneira vai ser común que se supere o límite máximo de ingresos e o solicitante quede sen axuda, non porque o posible beneficiario teña máis ingresos, senón porque os teñen os seus compañeiros de vivenda”, sinalou o portavoz de Xuventude.
Adrián Pardo lembrou que “a Xunta fixo todo o posible para cambiar este criterio establecido polo Goberno central para a adxudicación do bono alugueiro, pero ao final non accedeu e deste xeito excluirase a persoas que compren os requisitos por cuestións alleas a elas mesmas”.
“En ningún momento o Goberno central consultou coas comunidades autónomas nin comunicou detalle algún deste bono alugueiro, polo que non se tivo acceso a información algunha ata que se publicou no Boletín Oficial do Estado o Real Decreto que regula esta axuda”, sinalou.
RETRASO NO ENVÍO DOS FONDOS
Por último, o portavoz de Xuventude criticou que o Goberno central “mentiu cando dixo a finais de abril que as comunidades autónomas xa dispoñían dos fondos para a posta en marcha deste bono alugueiro, porque ata o momento a Galicia unicamente chegou o 50 por cento dos fondos previstos”.
Actualmente, a Xunta está a tramitar a convocatoria deste bono alugueiro para menores de 35 anos, que estará dotada con 22,8 millóns de euros para as anualidades 2022 e 2023 e que permitirá conceder arredor de 3.800 axudas.
Neste sentido, criticou que “representantes do Goberno central en Galicia anunciaran o bono alugueiro en diversas localidades dando cifras de posibles beneficiarios ata vinte veces superiores ao número real de axudas que se poderán conceder cos fondos transferidos”.