Santiago, 11 de maio de 2021.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou esta tarde no Pleno do Parlamento a BNG e PSdeG por “defender un modelo de xestión directa das residencias de maiores cando están na oposición e impulsar un modelo totalmente distinto onde teñen responsabilidades de goberno”. “O certo é que cada vez que tiveron ocasión, non dubidaron en ceder a xestión de servizos públicos a empresas ou fundacións”, engadiu.
Alberto Pazos lembrou que durante o Goberno bipartito “puxéronse en marcha catro residencias de xestión pública, con 240 prazas, e cinco residencias externalizadas, con 607 prazas”. “Pero na actualidade, o 46 por cento dos concellos gobernados polo BNG e o 45 por cento dos gobernados polo PSdeG teñen o servizo de axuda no fogar privatizado, fronte ao 29 por cento dos concellos gobernados polo PPdeG; ademais de que a propia Deputación Provincial de Lugo ten as súas cinco residencias externalizadas”, apuntou.
QUE É XESTIÓN PÚBLICA
Deste xeito, o portavoz popular cuestionou aos grupos da oposición sobre “que entenden por un modelo de xestión pública”. “Expliquen por que consideran pública unha residencia na que o 90 por cento do persoal sociosanitario depende dunha empresa, e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, co 100 por cento do persoal sanitario dependente do Sergas, o consideran privado”, sinalou.
“Tal vez sexa o momento de que BNG e PSdeG se desculpen co Servizo de Inspección das residencias galegas que sufríu acusacións aldraxantes por parte dos que din defender aos traballadores públicos”, rematou.