Santiago, 18 de abril de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira criticou esta mañá no Parlamento que En Marea-Podemos “traia a esta Cámara unha proposta sobre a independencia do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e a elección dos maxistrados do Tribunal Constitucional cando é consciente de que este Parlamento non é o lugar adecuado para este debate e cando Podemos se ten levantado e abandonado a subcomisión creada no Congreso creada para definir unha Estratexia Nacional de Xustiza”.
“A reforma da Xustiza é unha cuestión que debe ser obxecto dun pacto nacional nas Cortes Xerais e aí é onde o Partido Popular ten presentado as súas propostas, que o grupo de Podemos están a boicotealas”, sinalou Jacobo Moreira. En concreto, apuntou que “o PP presentou o mes pasado as conclusións na subcomisión para o estudo e definición dunha Estratexia Nacional de Xustiza, despois de cumprir o plan de traballo, con 130 medidas, das que 103 foron consensuadas”.
Entre as medidas propostas polo PP figura unha dirixida a reformular as condicións de tránsito profesional entre a xustiza e a política, con especial atención ás condicións de reingreso, a fin de fortalecer a percepción de independencia xudicial sen menoscabo do dereito a ocupar cargos públicos.
INDEPENDENCIA XUDICIAL
“Tamén se incide na mellora da independencia do Poder Xudicial, impulsando, desde o necesario consenso parlamentario, a reforma do réxime de elección dos vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial para que os doce de procedencia xudicial sexan elixidos directamente por xuíces e maxistrados”, explicou o deputado popular.
Por último, Moreira referiuse á proposta do PP dirixida a suprimir a posibilidade de que os parlamentos autonómicos propoñan aos maxistrados dos Tribunais Superiores de Xustiza, establecendo que a provisión de todos estes maxistrados se efectúe de conformidade cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.
“A incongruencia das Mareas de Podemos chega ao punto de que cuestionan a elección dos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial, un órgano de goberno que non xulga; pero obvian que un de cada tres membros das salas do civil e penal dos Tribunais Superiores de Xustiza sexan nomeados a proposta da Asemblea Lexislativa das comunidades autónomas, cando estas persoas si que xulgan”, indicou.