Santiago, 3 de marzo de 2021.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, acusou hoxe ao PSdeG de “pretender que o Goberno galego prevarique e incumpra a lei emitindo unha declaración de impacto ambiental negativa sen avaliación e sen terse recibido aínda o expediente” sobre o proxecto de liña de alta tensión do parque eólico de Monteagudo en Carballo ata a subestación do polígono de Morás en Arteixo.
“Non se pode pedir a Xunta de Galicia que non cumpra coa obriga de tramitar o proxecto, cumprindo a normativa, nin tampouco emitir unha Declaración de Impacto Ambiental negativa sen unha avaliación previa”, sinalou a portavoz popular, quen apuntou que “o pronunciamento farase ao final da tramitación, que está aínda en fase de consulta pública e terá que cumprir coma sempre con todas as garantías legais, técnicas e medioambientais”.
CUMPRIR AS LEIS GALEGA E NACIONAIS
Marta Nóvoa afirmou que “hai que cumprir a lei, e non só a galega, senón as dúas estatais: a do sector eléctrico e a de avaliación ambiental, que son polas que se rixen este tipo de proxectos”.
Deste xeito, demandou aos socialistas que “sexan rigorosos e non xoguen coa xente infundindo falsas expectativas de que un expediente se pode anular porque o Goberno galego queira, xa que hai que tramitalo con todas as garantías e, se o resultado da avaliación resulta negativo ou existe outra alternativa, será un proxecto rexeitado, pero non antes”.