Santiago, 5 de abril de 2018.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, criticou hoxe que a deputada socialista Noela Blanco demande agora no Parlamento a mellora do transporte público entre Ribadavia e Ourense, cando o alcalde socialista desta localidade desentendeuse de cumprimentar a enquisa coas demandas de transporte público de autobuses, “cuestión que tiveron que facer desde o Grupo Popular para que se mellorara a comunicación por estrada coa capital da provincia”.
Fernández Prado lembrou que a Consellería de Infraestruturas remitiu a todos os concellos galegos, con anterioridade á elaboración do novo Plan de Transporte Público unha enquisa para coñecer as demandas municipais tanto de frecuencias como de horarios de autobuses.
“No caso de Ribadavia, o alcalde fixo caso omiso desta comunicación e foi o Grupo Municipal Popular o que trasladou á Consellería as necesidades existentes neste concello para mellorar o transporte público dos veciños con Ourense”, explicou.
Deste xeito, o portavoz de Infraestruturas salientou que “gracias a este novo Plan de Transporte Público, o billete de Ribadavia a Ourense ten un custo de 1,45 euros, con catro frecuencias directas diarias por sentido, complementadas con outras cinco indirectas, ademais dos servizos ferroviarios”.
SERVIZOS FERROVIARIOS
En resposta á demanda socialista, Martín Fernández manifestou que “a oferta de transporte público non ten por que estar conformada necesariamente só polo modo ferroviario, senón por aquel modo de transporte que en cada caso se adapte mellor á demanda a atender”.
Neste sentido, subliñou que os servizos ferroviarios Vigo-Ourense e Vigo-Ourense-Monforte-Ponferrada xa están declarados como obriga de servizo público, “de xeito que as administracións públicas velan pola existencia dunha oferta de transporte público que poida atender as demandas de mobilidade obrigada”.
“Existe unha compensación económica da Administración á operadora, o que permite manter determinados servizos de transporte aínda que produzan perdas, garantindo o mantemento de paradas que en caso contrario se eliminarían”, indicou.