O PPdeG critica que Pedro Sánchez optase por iniciar o novo ano 2026 cun “novo castigo” a Galicia a través dunha suba das peaxes da AP-9 que consideran “esaxeradamente inaceptable” na medida en que non só penaliza aos seus usuarios, senón que afonda aínda máis no agravio comparativo que sofre esta autoestrada respecto a outras.
Refírense así ao feito de que a Autoestrada do Atlántico inicia este 2026 cunha suba das súas peaxes que acada o 5% e consolidándose, ademais, como “a máis cara de España”. Ao que se engade a suba experimentada tamén pola AP-53 entre Santiago e Lalín, cuxas tarifas se incrementan este ano nun 3,6%.
Os populares galegos culpan integramente desta situación ao Executivo que encabeza Pedro Sánchez na medida en que “podería ter evitado esta situación” pero “decidiu que o 2026 tamén vai ser un ano de castigo a Galicia”. De feito, recordan que o pasado ano se consolidou como “o ano do boicot” no relativo á transferencia da AP-9 a Galicia, xa que en 2025 se acadaron as 60 prórrogas ao debate desta iniciativa no Congreso desde que Sánchez chegou á Moncloa.
Aínda así, fan cómplices da situación aos partidos que, na súa opinión, son xa as “sucursais do sanchismo en Galicia”. Por unha banda, un PSdeG que “só por compracer ao seu líder é capaz de dicir unha cousa e á contraria ao mesmo tempo”; e, por outra, un BNG que “prefire seguir contando moedas para pagar as peaxes antes que retirarlle o seu infrutuoso apoio a Sánchez”.
Poñen en valor, pola contra, que o Goberno de Alfonso Rueda “si que ten sempre na súa lista de desexos aos galegos” e que mostra disto é que vén de conxelar as peaxes das autoestradas autonómicas AG-55 e AG-57, que “seguirán a ser das máis baratas de España”.