Os deputados autonómicos Miguel Ángel Viso e Cristina Campero, acompañados polo alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, puxeron en valor, nunha visita a unha farmacia nos Peares, a recente declaración de 29 zonas farmacéuticas especiais aprobada pola Xunta de Galicia, facendo especial fincapé nas correspondentes aos ámbitos sanitarios de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, onde se concentra a maior parte das áreas incluídas nesta medida.
Na visita a “Farmacia Os Peares” (no concello da Peroxa) destacaron que, en total, 18 das 29 zonas farmacéuticas especiais declaradas en Galicia pertencen ao ámbito sanitario de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o que evidencia a especial atención que o Goberno galego presta á realidade demográfica e territorial da provincia.
“Estamos ante unha decisión clave para garantir a igualdade no acceso aos medicamentos e ao servizo farmacéutico, especialmente nunha provincia como a nosa, marcada pola dispersión e o envellecemento poboacional”, sinalou Miguel Ángel Viso.
Pola súa banda, Cristina Campero subliñou que “estas zonas farmacéuticas especiais permiten adaptar a normativa ás particularidades do rural ourensán, facendo viables economicamente moitas boticas que cumpren unha función social imprescindible”.
A declaración, publicada o 18 de febreiro de 2026 no Diario Oficial de Galicia (DOG), establece que estas zonas presentan características xeográficas, demográficas e sanitarias específicas, como unha densidade de poboación igual ou inferior a 10 habitantes por quilómetro cadrado e a situación económica comprometida das oficinas de farmacia.
Segundo o acordo, 18 destas zonas pertencen ao ámbito sanitario de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e o resto ao de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, entre as que se inclúe A Peroxa, xunto con localidades como A Gudiña, A Mezquita, A Teixeira, A Veiga, Baltar, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Castelo do Val, Chandrexa de Queixa, Larouco, Laza, Manzaneda, Montederramo, O Bolo, Parada do Sil, San Xoán de Río e Vilariño de Conso.
Entre as medidas contempladas inclúense condicións especiais relativas ás distancias e tempos de acceso ao servizo de garda, así como facilidades para a atención a residencias sociosanitarias con menos de 100 residentes. O obxectivo é evitar o peche de farmacias en concellos pequenos e garantir a continuidade dun servizo sanitario esencial.
COMPROMISO COS SERVIZOS PÚBLICOS NO RURAL
Os deputados ourensáns salientaron que esta iniciativa supón “un paso decisivo na defensa do rural” e lembraron que moitos dos municipios incluídos pertencen ás comarcas de Ourense, Verín e Valdeorras, territorios especialmente afectados pola baixa densidade de poboación.
Ademais, para reforzar a medida, a Xunta prevé convocar en 2026 unha liña específica de axudas dotada cun orzamento inicial de 99.600 euros, destinada a apoiar estas boticas rurais e asegurar a prestación farmacéutica nas zonas con maiores dificultades demográficas.
Campero e Viso concluíron reiterando o seu compromiso coa provincia e coa defensa dos servizos públicos no medio rural, destacando que “garantir unha farmacia aberta nun concello pequeno é tamén garantir cohesión social, saúde e futuro para o noso territorio”.