Santiago, 9 de marzo de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, cualificou hoxe no Pleno do Parlamento de “ambicioso” o Plan de Saúde Mental de Galicia, que suporá un investimento de 83 millóns de euros co obxectivo de mellorar o número de profesionais e de dispositivos asistenciais, así como o desenvolvemento de programas para a recuperación das persoas con trastorno mental severo e fomentar a investigación sobre estas patoloxías. En concreto, este plan prevé a creación de cinco novas unidades de saúde (dúas en Vigo, dúas en A Coruña e unha en Santiago) e a incorporación de 23 novos profesionais, entre psicólogos, psiquiatras, traballadores sociais e enfermeiros.
Encarna Amigo sinalou que o Plan de Saúde Mental “favorecerá o acceso aos tratamentos coa finalidade de realizar unha intervención precoz e evitar a cronificación”. Así, apuntou que “favorecerá o desenvolvemento de programas de enlace para atender a depresión, unha das patoloxías de saúde mental máis prevalentes en atención primaria, e tamén a atención ao do e ao trauma secundario a experiencias relacionadas coa pandemia da Covid-19”
UNIDADES INFANTO-XUVENÍS
Entre as medidas que incorpora a posta en marcha deste Plan de Saúde Mental, Amigo salientou “a creación de unidades hospitalarias de atención infanto-xuvenil para atender a toda a poboación galega, existindo xa o compromiso de construír e poñer en marcha unha unidade no Álvaro Cunqueiro e sumala á xa existente en Santiago”.
“Tamén está prevista a creación en todas as áreas sanitarias dun hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil que permita unha atención especial, de alta intensidade, para así dar unha resposta máis intensiva e frecuente e que minimice no posible a necesidade de ingreso dos pacientes máis mozos”.