Os deputados do Grupo Popular Ethel Vázquez e Jesús María Fernández Rosende cualificaron hoxe como de “misión cuasi imposible” alugar un piso na cidade de A Coruña, unha situación que se agravou logo da declaración como zona tensionada. Por este motivo, solicitaron ao Concello que “busque alternativas reais e efectivas que faciliten o acceso á vivenda, sen comprometer a estabilidade do mercado nin provocar unha desbandada da oferta”.
Tomando como base os datos oficiais do Observatorio da Vivenda coñecidos esta semana, Ethel Vázquez asegurou que a declaración da cidade de A Coruña como zona tensionada “non solucionou o problema da vivenda, senón que o agravou considerablemente”. Neste sentido, concretou que o citado informe pon de manifesto que o número de contratos de aluguer baixou un 38 por cento respecto ao pasado ano desde que se declarou a zona tensionada, unha caída que coincide, ademais, coa suba das rendas do aluguer a nivel xeral da cidade.
ADVERTENCIAS DA XUNTA E DO SECTOR INMOBILIARIO
“O principal efecto negativo da declaración de zona tensionada foi a baixada potencial do número de contratos asinados, porque se retiran pisos do mercado de alugueiro; o trasvase de vivendas do mercado de aluguer tradicional ao temporal; e o aluguer por separado de vivenda, trasteiro, garaxe ou mobiliario”, explicou Fernández Rosende.
Ethel Vázquez lembrou que estes efectos negativos “xa foron advertidos no seu momento desde o Goberno galego, porque queda claro que a declaración de zona tensionada non resolve en absoluto o acceso á vivenda, senón máis ben agrava o desaxuste entre a oferta e a demanda ao retraer propietarios e limitar a dispoñibilidade”.
Así mesmo, os deputados subliñaron que “as propias asociacións do sector inmobiliario aseguran que a nova regulación provocou que moitas vivendas se retirasen do mercado habitual de aluguer ou se reorientaran cara ao aluguer temporal ou por habitación, contribuíndo á redución drástica da oferta de pisos completos destinados ao aluguer tradicional”.