Deputados do partido reúnense con representantes da Federación Galega de Caza
O Partido Popular de Galicia amosou o seu apoio ao sector da caza na nosa Comunidade e reclamou consensuar un novo texto da lei estatal de benestar animal. Así o expresaron deputados da formación nunha reunión con representantes da Federación Galega de Caza celebrada en Santiago de Compostela.
Na xuntanza, encabezada pola deputada nacional Marta González, incidiuse na necesidade de que o Goberno retire o proxecto de lei de protección, dereitos e benestar dos animais —aprobado en agosto polo Consello de Ministros por trámite urxente— e se elabore un novo documento que si inclúa as achegas de expertos, entidades e asociacións implicadas, así como das Comunidades Autónomas e dos concellos.
Os populares critican que o Executivo de Sánchez antepoña os seus intereses aos dos sectores afectados, pasando por riba das necesidades reais da sociedade e sen respectar tampouco as competencias de cada administración. “O Goberno volve demostrar que a súa vontade de diálogo é nula, impoñendo a súa ideoloxía malia que iso signifique un ataque directo e inxustificado a unha actividade fundamental para o noso rural e para o medio ambiente”, manifestou Marta González.
“O Executivo de Sánchez esquece que a función dos gobernos é solucionar os problemas dos cidadáns e non crearllos”, afirmou a deputada mentres alertaba de que o proxecto de lei do Goberno restrinxe as liberdades dunha actividade regulada como é a caza, abocándoa á súa desaparición.
“Queremos transmitir ao sector da caza que contará co Partido Popular de Galicia para defender os seus dereitos fronte a un Goberno central autoritario que, lonxe de escoitar as súas demandas, insiste en prexudicalo”, resaltou. “Mentres o Estado desatende as peticións dos cazadores, nós loitaremos para que non cumpra o seu obxectivo, que é estigmatizalos”, engadiu.
Nesta liña, os populares salientaron que continuarán traballando dende as diferentes cámaras de representación en favor dos intereses xerais dos galegos pois, nun complicado contexto político, económico e social como o que vive España, “é imprescindible loitar por salvagardar o futuro dos nosos sectores esenciais dos abusos e da irresponsabilidade do Executivo central”.