Santiago, 17 de decembro de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, defendeu hoxe no Pleno que a Xunta “manteña o seu compromiso coa asistencia sanitaria aos veciños de Verín, abrindo a posibilidade da recuperación do paridoiro se cumpre as condicións de seguridade para elo e se cobren as prazas de pediatría convocadas para o Hospital Comarcal”.
Aurelio Núñez demandou que o Goberno galego “dea prioridade á prestación sanitaria máis próxima, garantindo a seguridade e a calidade, sempre avaliada pola evidencia científica e a opinión dos profesionais”. Neste sentido, solicitou que “se complete a carteira de servizos, as infraestruturas e a dotación de material do Hospital de Verín cun plan de futuro que inclúa un novo servizo de urxencias, a hospitalización a domicilio ou un programa de saúde da muller, entre outros”.
Así mesmo, pídese ao Ministerio de Sanidade que coordine coas comunidades autónomas a oferta de todas as prazas acreditadas de MIR de pediatría, permita a formación dos residentes con períodos de rotación en hospitais comarcais e modifique o Real Decreto que regula a vinculación laboral do persoal en formación para permitir a formalización de contratos estables en prazas de difícil cobertura ao rematar o seu período de formación.
FALACIAS DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN
Todas estas demandas están incluídas na emenda presentada polo Grupo Popular a unha moción debatida esta tarde no Pleno do Parlamento, que non foi aceptada polo Grupo Común de Esquerda e será rexistrada como proposición non de lei do Grupo Popular para a súa aprobación.
Na súa intervención, o portavoz popular criticou “as falacias que os grupos da oposición están a difundir sobre o Hospital de Verín, afirmando que o peche do paridoiro é un problema económico, cando a verdade é que se manteñen todas as prazas de médicos xinecólogos e matronas, e se teñen convocado dúas prazas de pediatría con contratos de interinidade; ou que se pechan as urxencias pediátricas neste hospital, cando este servizo non existe nin hai pediatras no cadro de persoal deste centro desde o ano 2006”.