Santiago, 22 de marzo de 2019.- A deputada do Grupo Popular Soraya Salorio defendeu hoxe o traballo que a Xunta vén realizando na revisión da actividade de extracción de mexilla xunto cos sectores bateeiro e percebeiro, co obxectivo de adecuar a súa compatibilidade e asegurar o seu histórico entendemento e beneficio mutuo.
“Unha vez máis, a oposición pretende enfrontar aos sectores que viven do mar en Galicia, dando a entender ademais que a Consellería do Mar está en contra deles, algo moi lonxe da realidade”, sinalou.
No debate dunha proposición non de lei do Grupo Socialista, Soraya Salorio lamentou que “esquecen que tanto o percebe como a mexilla son dous recursos imprescindibles para quen os recolle: o percebe é fundamental para os percebeiros na súa actividade, pero é que sen mexilla as nosas bateas deixarían de ser as principais produtoras de mexillón de Europa”.
CONVIVINDO DESDE SEMPRE
“O sentidiño do Goberno do PPdeG na xestión de ambos sectores permitiu que a loita contra o furtivismo no percebe permitirá incrementar un 35 por cento de inspeccións, un 42 por cento as infraccións detectadas, un 41 por cento as incautacións e un 201 por cento os comisos”, concretou. Ademais, no sector do mexillón “puxemos a cero os contadores das concesións, aumentando de 30 a 50 anos as mesmas; e concedéronse máis do 80 por cento dos expedientes de axuda dos fondos de acuicultura aos bateeiros”.