Santiago, 19 de xaneiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado defendeu esta mañá no Parlamento que a Xunta estableza, nas vindeiras convocatorias de axudas para a implantación de medidas preventivas fronte aos ataques de lobos e xabarís, prazos de xustificación e de solicitude que garantan o acceso ás mesmas ao maior número de beneficiarios posible. Así mesmo, demandou que o Goberno galego estableza medidas orientadas a xestionar a problemática da fauna silvestre en colaboración cos axentes do sector afectados.
Carlos Gómez concretou que a Xunta concedeu o pasado ano un total de 414 axudas para a prevención dos danos ocasionados por especies de fauna silvestre como o lobo ou o xabaril, que superaron en conxunto os 250.000 euros. A través destas axudas subvenciónase a prevención dos danos ocasionados polo lobo e o xabaril; a adquisición de cans para a protección e defensa do gando, de pastores eléctricos e de cerrumes de malla electrificada; así como para a prevención de danos.
“No tema do xabaril, semella que o incremento das axudas para paliar os danos producidos por este animal non é o camiño a seguir de cara a solucionar o problema, xa que, á vista dos resultados, cómpre considerar si se deberían centrar os esforzos no capítulo da prevención”, indicou o deputado popular.
Así mesmo, Gómez Salgado subliñou que “a Xunta está sempre aberta a manter un diálogo fluído cos distintos sectores implicados”, e mostra disto é que “algunhas das propostas formuladas polo sector foron tidas en consideración á hora de elaborar as bases reguladoras das axudas durante o ano 2017”.