Santiago, 20 de abril de 2017.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa Iglesias, afirmou hoxe no Parlamento que “defendemos un modelo mixto de autoconsumo de enerxía no que convivan as grandes plantas de produción coas pequenas instalacións”. Neste sentido, dixo que “permitir o autoconsumo nas condicións que formula a oposición é a medida máis antisocial que existe, porque é excluír do pago do custo do sistema a aqueles que poden permitirse estas instalacións, obrigando ao resto de consumidores a pagarlle as súas peaxes”.
Marta Nóvoa sinalou que o autoconsumo “debe respectar o principio de non discriminación entre todos os usuarios do sistema, garantindo a sustentabilidade económica do sistema eléctrico, sen favorecer de forma desordenada a xeración e facilitando un maior déficit de tarifa”. Respecto do Real Decreto que regula o autoconsumo, a portavoz popular explicou que “trátase dun marco estable que permite o desenvolvemento ordenado e garante a seguridade do sistema eléctrico”. “Non supón ningún imposto ao sol, xa que as instalacións illadas non pagan nin peaxes, nin impostos nin a enerxía autoxerada; e está baseado na responsabilidade e a solidariedade, polo que os autoconsumidores que estean conectados ao sistema deben contribuír aos custos xerais deste”, engadiu.
PRIVILEXIAR AO PEQUENO CONSUMIDOR
Nóvoa asegurou que este Real Decreto “privilexia ao pequeno consumidor cun réxime económico máis ventaxoso e a aqueles usuarios que teñan unha potencia contratada de ata 10 quilovatios”. “Non intenten confundir á cidadanía, porque para instalacións de potencias inferiores a 10 Kw este imposto non se aplica”, demandou aos representantes dos grupos da oposición.
Marta Nóvoa lembrou que o Goberno galego “leva favorecendo e impulsando con axudas concretas desde 2009 a utilización do autoconsumo da enerxía renovable de eficiencia enerxética”. En concreto, nos orzamentos para 2017 están consignadas axudas de case 9 millóns de euros para o “Plan Vivenda” que irán destinados ás familias galegas que aposten polas enerxías renovables e polas construcións máis eficientes.