Santiago, 12 de xuño de 2018. O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se demanda que a Xunta prime ás comunidades de montes que estean cumprindo as súas obrigas legais na concesión de axudas públicas e na cesión de montes veciñais en grave estado de abandono. Así mesmo, demandará ao Goberno galego que elabore un informe sobre as posibilidades e circunstancias que se abren co Brexit para a comercialización de produtos pesqueiros galegos.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria incorpora a comparecencia do conselleiro de Educación para informar da situación do ensino non universitario en Galicia.
NOVAS OPORTUNIDADES
Por parte do Grupo Popular, Pedro Puy indicou que demandarase ao Goberno galego a elaboración dun informe sobre os efectos do Brexit na comercialización dos produtos pesqueiros galegos. “España, e Galicia principalmente, exportaron ao Reino Unido por valor de 75 millóns de euros en 2016”, lembrou o portavoz popular, quen considerou que o Brexit “abre novas oportunidades para o sector galego de conservas que o Goberno galego debe estudar e avaliar a través dun informe”.
En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará que a Xunta certifique aquelas comunidades de montes veciñais en man común que estean cumprindo as súas obrigas legais, especialmente no relativo á aprobación dos seus instrumentos de ordenación ou xestión forestal. O obxectivo é que esa certificación supoña un criterio puntuable na concesión de axudas públicas, ao tempo que se prime a estas comunidades na cesión dos montes veciñais en grave estado de abandono.
DOUS TERZOS NIN XESTIONAN NIN COMPREN
Puy lembrou a importancia das comunidades de montes na Comunidade galega, que supoñen máis de 638.000 das arredor de dous millóns de hectáreas de monte existentes en Galicia. Porén, lamentou que dous terzos destas comunidades de montes non fan xestión dos seus terreos ou non compren coas súas obrigas legais”.
“As comunidades de montes son vitais en Galicia e unha figura histórica que ten dado moi bos resultados para os veciños do rural galego”, sinalou Pedro Puy, quen avogou por favorecer estas entidades “pero sempre que cumpran cos seus deberes de xestión e cumprimento da legalidade”.
No apartado de preguntas ao Goberno galego, os deputados do Grupo Popular solicitarán información sobre os servizos e liñas de axuda postos a disposición dos emprendores para facilitar a creación de novas empresas ou para a súa consolidación temperá; e sobre as previsión que manexa para seguir avanzando no proceso de desdobramento e conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria na provincia de Lugo.