Ao igual que no Parlamento e no Concello de Ferrol, os populares seguirán presionando ao Goberno para que encargue un buque ponte a Navantia
O PPdeG apoiará no Senado o noso sector naval e esixirá carga de traballo para os nosos estaleiros públicos. Así, tal e como xa fixeron os populares no Parlamento e no Concello de Ferrol, a senadora Verónica Casal defenderá na Cámara Alta a iniciativa -para o seu debate na Comisión de Industria, Turismo e Comercio- que reclama a ao Goberno central a construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia en Ferrol.
“É unha petición que levamos facendo dende hai moito tempo”, sinalou Casal mentres lembraba que os Orzamentos de 2018 contemplaban unha partida de 250 millóns de euros para iniciar os traballos dos cinco buques que integran o programa das Fragatas F-110, que se construirán nos estaleiros públicos da Ría de Ferrol, e que deberían dar ocupación a 7.000 traballadores durante os próximos anos. “Lamentablemente as previsións do Goberno sitúan no ano 2022 o inicio do proceso de construción polo que a comarca precisa dunha solución inminente ante a situación de emerxencia económica, industrial e social que está a vivir, engadiu.
Cómpre recordar que estes atrasos prodúcense xusto no momento en que os estaleiros ultiman a construción do segundo dos buques AOR para a Armada de Australia, que finalizarán o próximo mes. “Pola falta de planificación da dirección de Navantia e do Goberno, no último ano, 2.000 traballadores da industria auxiliar do naval de Ferrol perderon o seu emprego, aos que se sumarán outro mil a partir de marzo coas bancadas totalmente baleiras”, dixo explicando que estes atrasos teñen lugar despois de que o Executivo do PSOE perdese o contrato para a construción de dez fragatas para a Armada dos Estados Unidos, unha oportunidade que supuña máis de 5.000 millóns de euros.
Ademais, Verónica Casal criticou a hipocrasía do Goberno Socialista que, tras alegar que o Ministerio de Defensa non o necesitaba, apenas uns meses máis tarde encargou a construción dun BAM no estaleiro de Navantia en Puerto Real (Cádiz), “o que evidencia de novo o maltrato e o desprezo de Sánchez a Galicia en xeral e á comarca de Ferrolterra en particular”.
“Estamos nun momento crítico e límite e por iso esiximos urxentemente ao Executivo de España carga de traballo para os estaleiros ferroláns que permita ocupar ao persoal de Navantia Fene-Ferrol e á industria auxiliar, así como o desenvolvemento dos investimentos necesarios para dispor dun Estaleiro 4.0”, salientou a senadora facendo fincapé en que tamén agardan que o PSOE non se desmarque novamente en Madrid e vote a favor desta iniciativa como si fixeron os socialistas na Cámara galega e no Concello de Ferrol.
APOIAR UN SECTOR ESTRATÉXICO
Pola súa parte, o senador galego Javier Guerra reivindicará ante a Comisión de Industria, Turismo e Comercio da Cámara Alta a importancia da industria naval para Galicia e para a cidade de Vigo, así como a necesidade de que este sector reciba a axuda que lle corresponde dos fondos europeos de acordo co seu peso social e económico e o seu carácter estratéxico en determinadas rexións.
Máis polo miúdo, Guerra defenderá este xoves ante a Comisión do Senado unha serie de emendas para instar o Goberno a que aprobe en 2021 un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación (PERTE) da industria naval española. No PERTE estarían incluídos, ata agora, oito estaleiros galegos, así como varias empresas auxiliares.
Segundo as emendas do Grupo Popular, o PERTE “debe ser considerado prioritario polo Goberno de España”. Por iso reclama que “sexa aprobado en 2021 cun alto nivel de concreción e definición dos proxectos que o compoñen”.
Os populares consideran necesario “que se adopten mecanismos flexibles que permitan alcanzar a maior intensidade de axuda posible para os proxectos incluídos no PERTE, de acordo coa normativa da UE”.
Por último, esixen o establecemento dun mecanismo de control parlamentario para que, de forma regular, se monitorice a xestión dos recursos públicos asignados e o seu grao de cumprimento.
Javier Guerra explicou que o obxectivo das mocións é lograr que o PERTE sexa realmente efectivo e se adecúe ás expectativas do sector. Por iso expresou o seu convencemento de que serán aprobadas “se o que realmente queren os socialistas coa presentación desta moción é que o PERTE saia adiante, e non soamente facer unha declaración de intencións de cara á galería sen o acompañamento de ningún compromiso concreto”.