Santiago, 15 de decembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo demandou hoxe no Parlamento galego que a Xunta continúe coas actuacións necesarias para mellorar as comunicacións entre as comarcas de Muros e Noia e a da Barbanza, nomeadamente entre Noia e Boiro e Noia e A Pobra do Caramiñal.
Así mesmo, solicitou que se inclúa na futura Área de Transporte de Galicia a todos aqueles concellos da comarca de Muros e Noia que o soliciten.
Rubén Lorenzo explicou que “os percorridos e horarios das liñas de autobús interurbano dependentes da Xunta están en permanente cambio para adaptarse o máis posible ás necesidades dos usuarios”. “Hai que detectar o desaxuste ou coñecer a nova necesidade, analizar o seu alcance e repercusión, traducilo en melloras concretas e encaixalo no conxunto da programación”, concretou.
VANTAXES PARA TODA GALICIA
Na súa intervención o deputado popular lembrou que a Xunta prevé implantar o vindeiro ano a Área de Transportes de Galicia, que permitirá estender a toda a comunidade autónoma as vantaxes asociadas ao transporte metropolitano e, deste xeito, suporá a desaparición das distintas áreas existentes na actualidade.
Deste xeito, manifestou que “non ten moito sentido atender a solicitude feita polo BNG de incorporar neste momento aos concellos das comarcas de Muros e Noia na área de transporte metropolitano de Santiago, xa que está prevista a desaparición desta área de transporte e algúns dos concellos implicados xa amosaron o seu interese por integrarse na futura Área de Transporte de Galicia”.