A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, demandou hoxe no Parlamento de Galicia que “o Goberno central, do mesmo que xa está a facer a Xunta de Galicia, poña en marcha un plan integral de abordaxe da obesidade con recursos económicos e humanos suficientes para levalo a cabo”.
Encarna Amigo lembrou que o Goberno galego puxo en marcha hai dous anos o Plan Obesidade Zero, dirixido a promover hábitos saudables para frear esta tendencia e desta maneira mellorar o benestar e a saúde da poboación galega. Este plan abarca un período de execución de oito anos centrándose na prevención do sobrepeso e a obesidade, tendo como meta reducir a prevalencia do sobrepeso nun 15 por cento neste tempo.
“A diferencia do plan vixente a nivel estatal, que fixa como poboación diana a infantil, o plan galego está destinado a toda a poboación”, salientou a portavoz popular. En concreto, explicou que nestes dous anos de vixencia do plan galego puxéronse en marcha a Rede galega de promoción da saúde, con representantes nas sete áreas sanitarias; e a web do Observatorio de saúde pública de Galicia, que inclúe o mapa Actúa saúde no que está identificado preto dun milleiro de recursos e actividades que promoven hábitos de vida saudable.
Así mesmo, habilitouse a plataforma dixital Sanidade mediaverso para o fomento de factores protectores do sobrepeso e a obesidade, como son a actividade física, a alimentación saudable, a hixiene do sono, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.
“Pola contra, o Plan estratéxico nacional para a redución da obesidade infantil 2022-2030 é un documento do Goberno central pouco ambicioso e cunha poboación obxectivo moi limitada, excluíndo a gran maioría da sociedade”, indicou Encarna Amigo, quen lamentou que nos dous anos que leva operativo “non conseguiron poñer en marcha moitas das medidas do plan”.