Lugo, 4 de febreiro de 2022.- O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, demandou hoxe ao Goberno de España que reasigne á Comunidade galega os 70 millóns de euros que quedaron sen executar dos dous últimos plans de rescate deseñados polo Goberno central, “pero que o faga cunhas condicións de acceso máis sinxelas, para que os cartos queden en Galicia e cheguen aos empresarios e autónomos que o necesitan”.
Os populares galegos buscan contar co apoio do Parlamento de Galicia nesta reivindicación e con este obxecto veñen de presentar unha iniciativa na Cámara galega. Balseiro explicou que a Xunta xa realizou a petición formal desta reasignación de fondos, en concreto, a través de sendas cartas remitidas pola Consellería de Emprego e Igualdade e dirixidas ás ministras Nadia Calviño e María Jesús Montero, pedindo a recuperación para Galicia destes cartos que, “polos atrancos impostos polo Goberno central non puideron ser aproveitados”
SIGNIFICATIVO CONTRASTE
O portavoz popular fixo un balance destes programas de apoio activados pola Xunta nos que se evidencia o contraste entre os dous primeiros plans, financiados con cargo a fondos autonómicos e os dous últimos, con fondos de transferencia estatal.
“A comparación é moi sinxela: mentres que os dous primeiros plans de rescate recibiron 80.000 solicitudes coas que se executou practicamente o 100% da contía orzamentada (182 millóns de euros), os dous segundos plans de rescate, coas limitacións impostas desde o Estado, recibiron 15.000 solicitudes que se traduciron en só un 70% do orzamento pagado (166 millóns de eruos)”
A razón desta disparidade no grado de execución estivo “nos difíciles requisitos e na sobrecarga burocrática esixida polo Goberno central para acceder a esta axudas, o que ocasionou que o 30% dos fondos estatais quedasen sen comprometer, e que teñamos que devolver os 70 millóns de euros sobrantes”
“Dada a situación actual, coa pandemia aínda presente, e con empresas e autónomos aínda con moitas necesidades de apoio, nin podemos, nin queremos permitirnos o luxo de perder eses cartos. Desde o Goberno de Pedro Sánchez aínda están a tempo de rectificar e iso é o que pedimos na nosa iniciativa”.
DATOS DE EMPREGO
Balseiro tamén aproveitou para poñer en valor e defender a folla de ruta do Goberno galego en materia de emprego, “que nos axuda a que o mercado laboral galego siga mellorando”. Explicou que “non é por casualidade” que Galicia veña de pechar o mes de xaneiro coa cifra de paro máis baixa da nosa historia, e siga mantendo un diferencial positivo en termos de emprego co resto de España.
Nin tampouco, que as cifras de mulleres e mozos desempregados sexan hoxe as menores nun mes de xaneiro de toda a serie histórica. “Esta boa evolución non serve para conformarnos, pero si para animarnos a seguir traballando nesta boa dirección que marca a Xunta coas súa estratexia de emprego”, concluíu.