O Partido Popular de Galicia demanda ao Goberno de Sánchez que cumpra o mandato de rebaixar o IVE aos alimentos básicos, tal e como lle teñen demandado tanto o Parlamento galego como o Congreso, para así “aliviar o afogamento económico que sofren as familias ante a suba de prezos”.
“Non se entende que o Goberno central que máis impostos recada da historia siga afogando as economías domésticas cando o que estas precisan é máis apoio, máis certezas e máis seguridade”, denuncia neste sentido a secretaria xeral Paula Prado facéndose eco dunha situación económica na que “os prezos seguen subindo pero o poder adquisitivo non se recupera”.
A número dous dos populares galegos fixo estas declaracións aos medios esta mañá en Padrón logo de visitar diversos negocios da localidade xunto ao portavoz local do PP e deputado autonómico, Ángel Rodríguez Conde. Unha visita na que puideron comprobar de primeira man como o sector comercial reclama medidas que fomenten o consumo.
Medidas, como, por exemplo, o “exitoso” Bono Peixe posto en marcha polo Goberno de Alfonso Rueda e que contrastan coa “inacción” dun Pedro Sánchez que “segue sen facer caso” á iniciativa promovida polo PP para rebaixar o IVE dos produtos básicos e que xa foi aprobada tanto no Parlamento galego como no Congreso.
Paula Prado subliña que desde o seu partido seguirán insistindo desde todas as frontes ata conseguir esta rebaixa. “Xa bastante complicado está todo como para que nolo sigan poñendo cada vez máis difícil a negocios e clientes”, sostén.
“Está claro que as preocupacións de Sánchez son outras”, concluíu a este respecto a secretaria xeral facendo referencia á reunión secreta do presidente con Arnaldo Otegi para negociar a moción de censura ao Goberno de Mariano Rajoy e afeándolle que “teña tempo para os seus ‘chanchullos’ e non para o esencial”.
En clave local, Prado lamentou así mesmo que o alcalde socialista de Padrón «non se desmarque de Sánchez e do seu partido», algo que «trae nefastas consecuencias aos veciños e veciñas desta vila». Ao mesmo tempo, puxo en valor o labor de Ángel Rodríguez Conde e o grupo municipal do PP, que a partir de 2027 «volverán liderar o concello e deixarán atrás o actual desgoberno».
A NECESIDADE DE APOIO AO COMERCIO LOCAL
Pola súa banda, Rodríguez Conde quixo poñer en valor o esforzo que día a día fan os establecementos do pequeno comercio local e os autónomos para “conseguir levar adiante a súa actividade”. Un esforzo que se ten que ver correspondido, na súa opinión, por administracións que “escoiten as súas necesidades e inquedanzas”.
O portavoz do PP de Padrón recordou así que o seu partido leva tempo presentando iniciativas no Pleno municipal para demandar ao Concello que tome medidas para fomentar o consumo no pequeno comercio.