As deputadas do Grupo Popular Patricia García e Loli Hermelo pediron hoxe aos concellos da ría de Vigo unha maior implicación na mellora das redes de saneamento para aliviar os vertidos ao mar. “Debemos ter presente que unha boa xestión de todas as redes de saneamento locais reverterá nunha mellora substancial das augas interiores”, indicaron.
Nun encontro celebrado co patrón maior da Confraría de Cangas, Javier Costa, Patricia García e Loli Hermelo lembraron que existe financiamento europeo e autonómico, a través de Augas de Galicia, dirixidas á revisión, estudo e planificación de proxectos para a mellora ou solución dos problemas dos concellos coas súas redes de saneamento.
ACADAR FONDOS FINALISTAS
“Non podemos deixar de pensar que na ría de Vigo, na que existen vertidos continuos procedentes do saneamento municipal, ningunha das administracións locais decidira por man á obra e dar o paso de traballar coa Xunta co fin de acadar os fondos finalistas existentes dirixidos a mellorar o noso medio ambiente mariño”, lamentaron.
En concreto, as deputadas populares coincidiron co patrón maior de Cangas “no problema existente coa falta de mantemento das depuradoras municipais e a falta de control das redes de saneamento, así como unha deficiencia na separación das augas de pluviais e fecais, unha cuestión imprescindible para que as depuradoras funcionen correctamente”.