Santiago, 12 de setembro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, urxiu hoxe no Parlamento aos concellos das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña lucense polos que discorre a liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo a que designen os seus representantes no grupo de traballo que negociará con Renfe o plan de actuación para o mentemento e mellora desta liña ferroviaria.
Martín Fernández lembrou que na xuntanza celebrada o pasado 8 de maio entre representantes da Xunta, Renfe e os concellos abordouse a situación da liña de ferrocarril de vía estreita entre Ferrol e Ribadeo e acordouse a constitución dun grupo de traballo con representantes de todas as entidades presentes.
CONVOCATORIA DE NOVA REUNIÓN
“A día de hoxe só 13 concellos teñen designados os seus representantes neste grupo de traballo, polo que urxe que aqueles concellos que aínda non fixeron esta designación o fagan o antes posible para proceder á convocatoria dunha nova reunión na que analizar as propostas feitas por Renfe para a mellora desta liña ferroviaria”, sinalou o portavoz popular.
Neste sentido, Fernández Prado lembrou que Renfe ten adquirido unha serie de compromisos dentro dun plan de actuación que abrangue a estabilización do persoal de condución, a mellora do parque de vehículos e das estacións, así como o mantemento da infraestrutura. O investimento previsto para estas actuacións nos vindeiros anos sitúase arredor dos catro millóns de euros.
PREOCUPACIÓN DA XUNTA
“Parece lóxico que sexa no marco deste grupo de traballo onde se faga o seguimento destes compromisos adquiridos por Renfe, así como analizar a propoñer as diferentes alternativas de cara a lograr a mellora dos servizos desta liña”, engadiu.
Así mesmo, Martín Fernández subliñou a preocupación da Xunta, “a pesar de non ter competencias directas sobre a liña ferroviaria entre Ferrol e Ribadeo, polos servizos e o estado desta liña, comunicando de xeito reiterado ao Ministerio os problemas de funcionamento, mantendo unha canle de comunicación fluída e constante co Ministerio e con Renfe para tratar de dar resposta inmediata ás posibles incidencias que poidan xurdir; e reiterando a necesidade de contar con servizos ferroviarios competitivos, que respondan ás necesidades de mobilidade dos veciños das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña luguesa”.