Santiago, 21 de novembro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou hoxe que, “agora que a situación económica ten mellorado, o Goberno socialista pode eliminar a taxa de reposición na sanidade pública, o que permitiría contratar de xeito estable a moitos máis profesionais”. Neste sentido, concretou que “dos 69 médicos de familia que remataron a especialidade neste ano, 55 están contratados polo Sergas”.
Aurelio Núñez sinalou que “se os socialistas estiveran tan preocupados como din pola situación dos contratos dos profesionais sanitarios, retirarían a taxa de reposición que foi introducida polo Goberno socialista de Zapatero”.
ESCASEZA DE PROFESIONAIS
“O certo é que a día de hoxe hai dificultade evidente para acadar profesionais que poidan cubrir calquera eventualidade motivada por baixas, vacacións, días de libre disposición ou calquera outra circunstancia”, sinalou. Unha escaseza de profesionais que non soamente ten lugar en medicina de familia, senón tamén en pediatría de atención primaria e noutras moitas especialidades médicas.
O portavoz de Sanidade referiuse ao barómetro sanitario para destacar que o 90 por cento dos galegos que acudiron no último ano ao médico de cabeceira afirman que a atención recibida foi boa ou moi boa; o 84 por cento afirman que a atención primaria está igual ou mellor que nos últimos cinco anos; ou que a porcentaxe de galegos que prefiren a sanidade pública á privada en atención primaria é do 83 por cento. “A sanidade galega recibiu a mellor valoración da serie histórica e, por suposto, moi superior á dos anos do Goberno bipartito”, engadiu.
Con respecto á dotación de profesionais, Núñez Centeno salientou que desde o 2008 se incorporaron ao sistema público de saúde galego máis de 1.500 novos traballadores, dos que 167 son médicos de familia e 583 profesionais de enfermería.
Ademais, engadiu que nestes últimos anos se actuou en 49 centros de saúde, existindo o compromiso do Goberno galego de construír outros 18 ata 2020, así como a ampliación doutros dous.