Santiago, 26 de febreiro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez Barreira demandou hoxe no Parlamento que a Xunta dote dos medios precisos para que o tempo de emisión dos informes das unidades de valoración integral de violencia de xénero do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) sexan adecuados á actividade que se desenvolve, dotando dos profesionais que requira esta organización de xeito consensuado coa súa Dirección.
Julia Rodríguez explicou que “o tempo de emisión dos informes das unidades de valoración do Imelga dependerá das circunstancias de cada caso, sen que se poida establecer un límite de 15 días como pretenden os socialistas, pois non se pode condicionar o traballo dos profesionais, nin as probas complementarias ou valoracións que consideren oportunas e que, sen dúbida condicionan o prazo de emisión dos seus informes”.
DOTACIÓN DE PROFESIONAIS
Na súa intervención, indicou que as pericias en clínica forense diminuíron en 2017 en mais dun 5 por cento, polo descenso da pericia médica derivada da despenalización das faltas e o seu efecto na tramitación xudicial dos accidentes de tráfico. Deste xeito, sinalou que “a dotación de profesionais deberá abordarse con arranxo ás necesidades de cada subdirección, con arranxo á poboación e o volume de traballo, en consenso coa Dirección do Imelga”.
A deputada popular criticou que os socialistas “lancen unha mensaxe ás vítimas de perda de confianza no sistema xudicial, de perda de confianza en que os xuíces actúan, ausentes de inxerencias, non movidos pola súa conciencia ou a conciencia de ninguén, senón independentes e sometidos unicamente ao imperio da lei”.