Santiago, 12 de setembro de 2018.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, demandou hoxe aos socialistas galegos “que se sumen á demanda do PPdeG para que o Goberno central avance no compromiso adquirido coas comunidades autónomas sobre o novo sistema de financiamento da dependencia e no incremento de fondos para poder cumprir o obxectivo de financiamento da Lei de dependencia”.
Marta Rodríguez lembrou que o custo do sistema de atención á dependencia en Galicia durante o pasado ano 2017 ascendeu a 334 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia aportou o 75 por cento. Neste sentido, subliñou, recollendo os datos do segundo o último informe do Ministerio de Sanidade do pasado 31 de xullo, que Galicia rexistrou un notable impulso na atención á dependencia nos últimos anos, pasando dunha ratio de atención do 61,5 por cento en 2015 ao 85,13 por cento neste ano, sete puntos por enriba da media de España.
“O obxectivo da Xunta para esta lexislatura era ampliar a cobertura para a dependencia a máis de 60.000 persoas, un obxectivo que xa se vai cumprir durante o presente ano”, salientou a deputada popular. Para isto, Rodríguez Arias explicou que o Goberno galego vén de poñer en marcha un plan de apoio á dependencia, que contará cun investimento de 21 millóns de euros e que permitirá reforzar o servizo de axuda no fogar e o acceso á libranza a través do denominado bono autonomía en residencia.
Marta Rodríguez Arias tamén avanzou que “Galicia contará a finais deste ano con máis de 8.000 prazas públicas en residencias para maiores, o que supón un 40 por cento máis que en 2009”. A esta oferta, sumarase a construción de sete novas residencias nas sete grandes cidades galegas que a Xunta está impulsando, con 900 prazas residenciais e un investimento de 47 millóns de euros.