Santiago, 20 de febreiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo defendeu esta tarde no Parlamento que a Xunta incremente as contías económicas destinadas á prestación de asistencia persoal aos dependentes, ao tempo que se demanda que no grupo de traballo creado no IMSERSO se siga traballando para mellorar esta prestación persoal.
Rodríguez-Vispo lembrou que a asistencia persoal en Galicia “se configura como unha prestación profesional, porque debe garantir un proxecto de vida independente a través dunha prestación que permita a viabilidade da persoa dependente”.
MELLORA DA DEPENDENCIA PROFESIONAL
Neste sentido, incidiu que no PPdeG “estamos abertos a calquera mellora no sistema de dependencia, pero sempre que siga a liña da profesionalización”. Así, anotou que “estamos a favor da asistencia persoal profesional como mecanismo de apoio para poder garantir a autonomía das persoas con diversidade funcional”.
A deputada popular lembrou o acordo acadado hai tres meses no Parlamento galego que foi trasladado ao Goberno central no seo da Comisión de análise da situación actual do sistema para a autonomía e atención á dependencia. “Neste foro, Galicia trasladou as súas propostas e acordouse a revisión do modelo de financiamento do sistema, que finalmente se recuperará o nivel mínimo do ano 2012”, sinalou.
EMPREGO DISCAPACITADOS INTELECTUAIS
No debate dunha moción sobre o acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, Marta Rodríguez-Vispo salientou que o actual Goberno galego foi o primeiro que impulsou unha convocatoria de emprego público para este sector da poboación.
Ademais, fixou como unha das prioridades da Xunta o impulso do emprego inclusivo, lembrando que desde o ano 2009 se duplicaron os contratos asinados con persoas con discapacidade e creceron tanto os contratos indefinidos (30,2 por cento) como os contratos a tempo completo (71,2 por cento). Máis en concreto, durante o pasado ano se asinaron máis de 18.000 contratos de persoas con discapacidade, dos que máis da metade foron a tempo completo.