Santiago, 17 de novembro de 2020.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central estableza un sistema de reparto dos fondos europeos baseado na transparencia e na obxectividade, respectando os principios de subsidiariedade e goberno multinivel; de concorrencia competitiva; e de cohesión social e territorial.
Así mesmo, e coincidindo coa celebración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, solicitará modificar a lexislación estatal para eliminar a desprotección dos orfos e orfas por violencia de xénero e que se reforcen as axudas de indemnización económica para fillos e fillas menores de 30 anos de vítimas da violencia de xénero.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria incorpora o debate de totalidade dos proxectos de lei de impulso demográfico de Galicia, e reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia. Neste sentido, lamentou que desde os dous grupos da oposición “se cuestione a totalidade duns textos legais que veñen moi falados, consensuados e participados por organismos e sociedade civil”.
COMPARECENCIA A PETICIÓN PROPIA
A continuación, terá lugar a comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Sanidade para informar sobre a evolución da emerxencia sanitaria da Covid-19, en relación coas previsións e liñas xerais de actuación deste departamento do Goberno galego.
“O Goberno galego está a responder, tanto a través desta comparecencia como das preguntas da oposición ao Presidente da Xunta, sobre as medidas adoptadas contra a Covid-19”, salientou Pedro Puy, quen apuntou que “chama a atención o entusiasmo co que PSOE e BNG piden a comparecencia do Presidente da Xunta en contraste coa deixación de petición de responsabilidades e explicacións ao Presidente do Goberno de España, que é quen ten a capacidade de establecer o marco normativo a través do Estado de Alarma e quen ten a capacidade de impulsar reformas da Lei de sanidade que eviten a declaración do Estado de Alarma”.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno central un sistema de reparto dos fondos europeos baseado na transparencia e na obxectividade. Ademais, este sistema debería ter en conta varios principios: o de subsidiariedade e goberno multinivel, de modo que as comunidades autónomas participen no proceso de definición destes criterios; de concorrencia competitiva, que disipe calquera risco de discrecionalidade ou arbitrariedade no proceso; e de cohesión social e territorial, de maneira que a distribución teña en conta factores como a renda per cápita, a porcentaxe de poboación que vive no rural, o reto demográfico ou a transición industrial.
Pedro Puy manifestou que con este reparto “favoreceríanse aqueles proxectos solventes que atenden á finalidade global dos fondos, que é facilitar unha recuperación rápida logo da crise da Covid-19, sobre todo en territorios como España cun peor comportamento económico e respectando o principio de cohesión territorial”.
PROTECCIÓN PARA ORFOS E ORFAS POR VIOLENCIA DE XÉNERO
En segundo lugar, o Grupo Popular demandará ao Goberno do Estado que realice as modificacións lexislativas necesarias para eliminar a situación de desprotección na que se atopan os orfos e orfas por violencia de xénero cando a súa nai non fose cotizante da Seguridade Social ou non cumprise os requisitos mínimos para acceder ás prestacións económicas.
Pedro Puy explicou que “a última modificación realizada pola Lei3/2019 non contempla esta situación e deixa desprotexidos aos orfos e orfas cando o autor da morte é outro home diferente ao seu pai e o seu proxenitor non se atope en condicións de asumir o coidado e protección dos seus fillos e fillas.
Así mesmo, esta proposición non de lei insta á Xunta á reforzar e manter as axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, co obxectivo de garantir que o suceso supoña un menor prexuízo económico para os fillos e fillas orfos.
Para rematar, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego sobre a súa valoración das partidas orzamentarias, en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias, incluídas no proxecto de presupostos xerais do Estado; e sobre as accións que está a impulsar, no marco das súas competencias, para poñer freo ao fenómeno da ocupación ilegal de vivendas en Galicia.