Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos denunciaron hoxe a falta de xestión turística por parte do Concello de O Grove, polo que anunciaron a presentación de iniciativas políticas tanto a nivel local, como autonómico e nacional para demandar actuacións que melloren o atractivo turístico desta localidade pontevedresa.
En compañía do portavoz do PP en O Grove, Pablo Leiva, Julio García Comesaña e Manuel Santos realizaron diversas visitas a puntos turísticos estratéxicos de O Grove e constataron o abandono ao que os ten sumidos o Goberno socialista local. En concreto, demandaron actuacións urxentes en miradoiros ou no acceso ás praias deste municipio, así como a axilización inmediata do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (Gastromeca), dotado con 2 millóns de euros procedentes de fondos europeos que o Concello está a retrasar inexplicablemente a súa execución.
OPORTUNIDADE PERDIDA
“Estamos ante un exemplo claro dunha oportunidade perdida por culpa da inacción municipal, porque hai fondos e hai proxecto, pero o que non hai é vontade política nin capacidade de xestión”, sinalou García Comesaña, quen lamentou tamén que non se convocase o Consello Local de Turismo nin exista unha mínima planificación para a Festa do Marisco de 2025, que a estas alturas segue sen cartel anunciador nin bases para as Centolas de Ouro.
Os deputados populares tamén puxeron o foco na falta de limpeza urbana, a ausencia de aparcadoiros disuasorios e o deterioro de servizos básicos, cuestións reiteradamente denunciadas polos veciños e tamén polos empresarios, como puxo de manifesto a asociación Emgrobes nas súas reunións co alcalde.
“O Grove merece unha xestión turística á altura do seu potencial, porque hoxe, por culpa do desleixo do seu alcalde, está a perder oportunidades mentres outros concellos da contorna avanzan e aproveitan os recursos dispoñibles”, concluíu Manuel Santos.
Diante desta situación, os deputados populares e o voceiro local do PP anunciaron a presentación de iniciativas políticas no concello, para que se convoque de forma inmediata o Consello Local de Turismo e dinamice a mesa de seguimento da Gastromeca; no Parlamento de Galicia, para esixir ao Goberno central que garanta a execución dos fondos europeos concedidos ao Grove e que supervise a súa correcta aplicación; e no Congreso e no Senado, para que o Goberno central explique os atrasos acumulados e detalle os mecanismos de control sobre os plans financiados con cargo ao Plan de Recuperación.