O Partido Popular de Galicia denuncia que “as ameazas, o alboroto e as manifestacións” protagonizadas pola esquerda “van en contra do futuro de Galicia” na medida en que se opoñen á posibilidade de ofrecer oportunidades de emprego á mocidade galega e fixar poboación no rural.
A través da súa secretaria xeral, Paula Prado, os populares galegos reiteran o seu apoio a todas aquelas empresas que queiran asentarse en Galicia “para xerar riqueza no territorio, fixar poboación no rural e ofrecer oportunidades de futuro para a nosa terra e para que a nosa mocidade non teña que ir traballar a outros lugares”.
Referíndose ao caso concreto do proxecto que Altri pretende poñer en marcha en Palas de Rei, inciden en que este proxecto conta cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable “avalada coa rigorosidade, a transparencia e a seriedade dos 34 informes elaborados por 42 técnicos do Goberno galego”.
“Os galegos e galegas poden estar tranquilos”, traslada a número dous do PPdeG ao tempo que rexeita “as ameazas, o alboroto, as manifestacións e o ruído” dun PSOE e dun BNG que “sempre estiveron a favor de Altri e só cambiaron de opinión unha vez celebradas as eleccións autonómicas”.
Paula Prado só entende este cambio de postura como “unha vinganza por perder as eleccións” e lamenta que “os partidos do non” estean “negándolle un futuro a Galicia e impedindo que se asenten proxectos industriais que permitirían crear emprego e fixar poboación”.