Os deputados do PPdeG no Congreso denuncian a “enésima aldraxe” de Pedro Sánchez a Galicia logo de coñecerse a aprobación da prórroga número 40 ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei relativa á transferencia da AP-9 desde a súa chegada á Moncloa.
Unha prórroga que acordou hoxe a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, e que supón que, só no que vai de lexislatura, xa se adiase en 25 ocasións a tramitación parlamentaria desta iniciativa emanada da unanimidade do Parlamento de Galicia.
“É indignante este boicot por parte dunha Mesa totalmente servil a Pedro Sánchez e que non permite nin sequera que esta proposición poida pasar a Comisión para debatela e que os grupos poidan facer as súas aportacións”, asegura o deputado galego Celso Delgado, que, xunto a Tristana Moraleja e Pedro Puy, forma parte da ponencia encargada debater a iniciativa.
Os representantes do PPdeG neste órgano denuncian neste sentido que o Goberno de Sánchez está a exercer un “autoritarismo” inadmisible sobre a institución na que reside o poder lexislativo. Ao que habería que engadir o seu “desprezo” cara o Parlamento galego na medida en que é desta cámara da que procede a demanda de transferencia da AP-9.
“Reclamamos unha vez máis que se poña fin a esta lamentable situación e que, dunha vez por todas, se proceda a elaborar un estudo sobre o custo do rescate da AP-9 e a liberación das súas peaxes”, conclúen apelando ao “anhelo” dos galegos de que esta autopista sexa xestionada por e para Galicia.
A INSUFICIENCIA DAS BONIFICACIÓNS ÁS PEAXES DA AP-53
En relación ao anuncio da aprobación no Consello de Ministros de hoxe de bonificacións ás peaxes da AP-53 entre Santiago de Compostela e Dozón, os populares galegos celebran esta “boa nova” pero lamentan que “chega tarde” e que, ademais, é “insuficiente”.
Recorda Celso Delgado que tanto os usuarios desta vía como a Xunta de Galicia e o Parlamento galego levan anos demandando a liberación total da AP-53 das peaxes coas que conta desde a súa posta en marcha. Ou, cando menos, que o Goberno central siga o exemplo do Goberno galego, que habilitou a gratuidade do tramo da súa competencia –entre Lalín e Ourense– a través dunha peaxe na sombra.