O Partido Popular de Galicia denuncia que Pedro Sánchez “leva máis de 1.000 días sen aprobar Presupostos” e que isto provoca que España “non poida afrontar as necesidades dos seus servizos públicos”, afectando tamén gravemente aos concellos galegos.
“Un ano máis, Pedro Sánchez renunciou a presentar Presupostos Xerais do Estado, os de 2026, e España segue guiándose por uns prorrogados desde 2022”, citou a secretaria xeral Paula Prado hoxe en declaracións aos medios en Monterrei como exemplo da “parálise” do Goberno central, en contraposición á “eficacia” dun Goberno galego que vai en camiño de aprobar os seus décimo sétimos Orzamentos consecutivos en tempo e forma.
“Supoño que Sánchez está máis ocupado e preocupado pola suposta contabilidade B do seu partido e por eses sobres con cartos co logo do PSOE”, lamentou, agardando que o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, pida explicacións ao seu partido e a voceira do BNG, Ana Pontón, pida explicacións aos seus socios. “Xa van 24 horas e aínda non dixeron nada”, apuntou.
“Temos un Goberno de España que non se preocupa dos galegas e das galegas, nin do rural, de concellos como o de Monterrei. Nós seguiremos traballando por resolver os problemas dos veciños e das veciñas de Galicia, que é para que o nos apoiaron maioritariamente en todas as eleccións ás que nos presentamos”, rematou.
A número dous dos populares galegos fixo estas declaracións á súa chegada ao Festival Monterrei Reverdece, IV Festa da Vendima, unha “magnífica” celebración na que participou xunto ao alcalde José Luis Suárez e que enxalzou como exemplo do dinamismo do rural galego e da recuperación que están a experimentar os concellos afectados polos incendios deste verán.
A RESPOSTA EXTRAORDINARIA A UNHA SITUACIÓN EXTRAORDINARIA
Paula Prado, en referencia precisamente á “situación extraordinaria” dos lumes de agosto, “provocada maioritariamente por incendiarios”, quixo poñer en valor a “resposta extraordinaria” que está deu e segue dando o Goberno galego, cuxa efectividade proba o feito de que moitas xa están pagadas. “Unha vintena para propietarios de vivendas, outras 13 para paliar os danos en tecores e 4 para negocios afectados”, destacou.
Pola contra, a resposta do Goberno de Sánchez “segue sendo a nada”. E, de feito, dous meses máis tarde, “os afectados non é que esperen polas axudas estatais, senón que están esperando pola convocatoria desas axudas que, ademais, serán xenéricas e menores”.