Os alcaldes do PPdeG denunciaron hoxe que “unha vez máis se pretenda instrumentalizar politicamente a Fegamp, esta vez para atacar a Lei de administración local de Galicia e poñer esta institución municipalista ao servizo dos intereses do PSOE”.
O voceiro dos populares na Federación Galega de Municipios e Provincias e vicepresidente da entidade, Ángel Moldes, respondeu así, en declaracións remitidas aos medios, ás críticas do seu presidente, Alberto Varela, sobre a suposta falta de tempo para presentar alegacións á lei, “a pesar da prórroga concedida pola Xunta para acadar o maior consenso posible dentro da institución”.
Segundo indicou Moldes, ese consenso “non foi algo que realmente se perseguise desde a propia institución”, xa que o documento remitido pola Fegamp “non foi aprobado pola Comisión Executiva da entidade”, polo que moitas das afirmacións que recolle “non contan co respaldo unánime de todos os representantes”. “Non contan co aval da Executiva e polo tanto non se pode afirmar que representen o sentir do municipalismo galego”, subliña.
Así, o tamén alcalde de Poio lamentou que, en vez disto, desde a Presidencia da Fegamp “se utilicen as alegacións para confrontar e mesmo desprezar traballo realizado sen vontade construtiva”.
Por iso, os rexedores do PPdeG solicitan que “non se utilice unha institución como a Fegamp para confrontacións partidistas”, especialmente cando está en debate unha norma que “permitirá mellorar os ingresos e a financiación de todos os concellos galegos”.
UNHA LEI QUE REFORZARÁ O MUNICIPALISMO GALEGO
Neste sentido, Moldes destacou que a Lei de administración local de Galicia supón “unha oportunidade para dar resposta a demandas históricas da veciñanza e das corporacións municipais”, polo que considerou que o papel da Fegamp debería ser o de realizar achegas construtivas e non facer ataques políticos. “Por iso pedimos que non se converta nun instrumento de confrontación contra a Xunta de Galicia cada vez que se impulsa unha nova lei”, afirmou.
Así mesmo, lembrou que desde o primeiro momento tanto o conselleiro de Presidencia como a directora xeral de Administración Local explicaron que se trataba dun documento “aberto, vivo e construtivo”, no que as distintas administracións podían realizar as súas achegas para mellorar o texto.
“O camiño é o diálogo e as achegas construtivas, como xa fixeron outras administracións, deputacións e concellos”, indicou.