O Partido Popular de Galicia condena un novo ataque as súas sedes, tras a vandalización nas últimas horas dos locais de Lalín e Sada, e sinala que “este é o resultado do odio que sementa a esquerda en Galicia”.
“O conflito que pretende instaurar a oposición non descansa nin en pleno Entroido”, lamentan os populares galegos, que xa sufriron ataques similares a principios deste mes de febreiro. Nesta ocasión, pintaron con mensaxes en vermello a fachada da sede local de Lalín e puxeron pegatinas na de Sada.
Ademais, denuncian, Avelino Souto, concelleiro de Lalín, recibiu numerosos insultos nas redes sociais nas últimas horas do tipo “deixa de ser tan payaso(sic)”, “imbécil, subnormal” ou “respóndeme se tes huevos (sic)”, por parte dun simpatizante do BNG. “Onde está o límite?”, pregúntanse desde o PPdeG, que tamén critican a pegada de carteis nas últimas horas contra o partido en mobiliario público da Coruña, “ensuciando a imaxe da cidade”.
Así, os populares esixen ao BNG e ao PSdeG que “condenen dunha vez os feitos porque, se non o fan, serán cómplices desta escalada de rancor que non cesa cara ao Partido Popular”. “Vólvense a cruzar liñas vermellas por culpa dos que basean a súa estratexia na conflitividade social, como fai o independentismo galego”, sinalan.
Mañá mércores vaise debater na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei relativa á condena de actos vandálicos cometidos contra as sedes do PPdeG, así como de calquera acto semellante contra sedes de formacións políticas democraticamente constituídas. “Agardamos o apoio de todos os grupos, salvo que queiran seguir instigando ao odio”, conclúen.