O vicesecretario de Familia e portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, asegurou que Galicia continúa a contar con “un dos mellores sistemas sanitarios do mundo”, malia as dificultades actuais derivadas da escaseza de profesionais en determinadas especialidades. Segundo explicou, esta situación non é exclusiva da comunidade galega, senón un problema común a todas as comunidades autónomas.
Neste sentido, lembrou que as comunidades levan anos trasladando propostas ao Ministerio de Sanidade para dar resposta a esta falta de persoal, sen que ata o momento se teñan adoptado medidas eficaces para solucionar unha problemática que afecta ao conxunto do sistema sanitario español.