Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira e Enrique Barreiro salientaron hoxe a forte aposta da Xunta pola mellora dos centros de ensino da cidade de Lugo, que se pon de manifesto nos máis de 18 millóns de euros que está a investir na rehabilitación ou incorporación de melloras nos edificios.
Nunha visita ao IES Muralla Romana de Lugo, acompañados do concelleiro do Partido Popular Damián Carballo, os deputados populares coñeceron as obras de rehabilitación que a Consellería de Educación levará a cabo neste centro por un importe de 1,6 millóns de euros. O obxectivo desta actuación é incrementar a superficie do instituto en case 900 metros, de xeito que poida acoller nas mellores condicións ao incremento de alumnos que rexistrou nos últimos anos.
Nicole Grueira explicou que, ademais desta actuación e dentro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Xunta está a levar adiante obras en diversos centros de ensino da cidade de Lugo, que suporán un investimento superior aos 18 millóns de euros.
En concreto, Enrique Barreiro lembrou que nos últimos anos se teñen feito obras tan relevantes como o novo edificio de cociñas do IES Sanxillao, cun investimento de 1,8 millóns de euros; a rehabilitación integral do IES Lucus Augusti, no que se gastaron 3,3 millóns de euros; a central de biomasa da maza educativa, que tivo un custo de 2,1 millóns de euros; o novo edificio de talleres de carpintería do centro integrado de FP Politécnico de Lugo, cun investimento de 1,2 millóns de euros; ou as rehabilitacións integrais dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (1,5 millóns de euros), o IES Ánxel Fole (1,4 millóns de euros), a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (1 millón de euros) e o Colexio Paradai (1 millón de euros).