Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira e Enrique Barreiro avanzaron hoxe que a partir de mediados do vindeiro mes de xullo poderanse solicitar as axudas para a incorporación de agricultores mozos entre 18 e 40 anos ou a modernización ou mellora de explotacións agrarias. “Son un claro incentivo e mostra da aposta da Xunta pola incorporación de mozos ao rural, un rural vivo e que día tras día conta con máis xente nova á fronte das explotacións”, manifestaron.
Nunha visita ás obras que se están a facer na granxa Adriago, S.L. no concello lucense de Friol, que se levan adiante gracias a estas axudas da Xunta para facilitar a implantación de mozos ao sector agrogandeiro galego, os deputados populares lembraron que o pasado ano a Xunta distribuíu case 46 millóns de euros entre 832 proxectos, dos que 370 eran plans de mellora para grandes e pequenas explotacións, 320 solicitudes de incorporación de mozos e 133 expedientes de novos agricultores de entre 41 e 55 anos.
DÚAS LIÑAS DE AXUDA
De cara ao presente ano 2025, Nicole Grueira e Enrique Barreiro avanzaron que a Xunta repartirá 30,5 millóns de euros para apoiar ás persoas agricultoras mozas. En concreto, explicaron que haberá dúas liñas de axuda: unha primeira, dotada con 16 millóns de euros, destinada ao establecemento de agricultores mozos; e a segunda, con 14,5 millóns de euros, para a realización de investimentos en modernización ou mellora de explotacións agrarias.
A estas dúas liñas, sumaranse 5,5 millóns de euros cos que a Xunta financiará os plans de mellora non aprobados aos mozos que resultaron beneficiarios da convocatoria de 2024, co obxectivo de facilitar o inicio da súa actividade produtiva e favorecer que poidan completar o seu investimento na explotación.
Entre os requisitos para acceder ás axudas para a incorporación de mozos á actividade agrogandeira, os interesados deberán presentar un plan empresarial, permanecer na actividade agraria cinco anos desde o pago do final da axuda e participar no programa de titorización que presta a Consellería do Medio Rural a persoas agricultoras mozas.