O PPdeG puxo en valor o compromiso do Goberno galego co sector vitivinícola, a través da promoción, a formación e a innovación.
Durante unha visita á sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Monterrei, deputados autonómicos, Juan Casares e Víctor Baladrón, salientaron a importancia destas entidades, xa que, tal e como fixo fincapé Casares, “velan pola calidade dos seus produtos e poñen en valor todo o territorio”.
Destacaron que desde o Goberno galego se está a traballar para afianzar, precisamente, estes entes. Así, recordaron as axudas dirixidas a reforzar o seu posicionamento nos mercados nos que xa teñen presenza, ao tempo que posibilitan oportunidades noutros, co fin de establecer novas relacións comerciais. Para o bienio 2026-2027, a Xunta ten previsto un orzamento de preto de 3,5 millóns de euros.
Segundo Baladrón, este tipo de programas “constitúen alicerces fundamentais no desenvolvemento rural de comarcas como a de Monterrei”, da que destacou a calidade dos seus caldos. En concreto, esta denominación de orixe é unha das cinco protexidas que posúe Galicia. E, na vendima de 2025, o territorio que abrangue recolleu algo máis de oito millóns de quilogramos de uva, o que, tal e como incidiu o deputado popular, amosa a súa posición destacada no sector.
No encontro, celebrado en Verín, os parlamentarios populares aproveitaron para recoller as súas demandas, co fin de seguir mellorando a protección, promoción e calidade do sector vitivinícola galego.