O Partido Popular de Galicia pon en valor as medidas do Goberno galego en materia de vivenda e contrapón a un Alfonso Rueda que “se preocupa e se ocupa” dos problemas da mocidade fronte a un Pedro Sánchez que “segue sen asumir a súa responsabilidade e esquece o moito que ten que dicir e facer para mellorar o acceso á vivenda no noso país”.
Así o manifestou hoxe a deputada do PPdeG no Parlamento de Galicia e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, na súa intervención no acto ‘La voz de los jóvenes en el debate parlamentario’ organizado polo PP nacional en Mérida e ao que tamén acudiron os deputados autonómicos Raúl Santamaría e Cristina Campero e o deputado nacional Juan Andrés Bayón.
Grueira puxo en valor o reforzo do Goberno galego nas súas iniciativas orientadas á mocidade co obxectivo de facilitarlle o acceso a unha vivenda e, con iso, permitir que os mozos e mozas galegas poidan iniciar un proxecto de vida e aproveitar todo o seu talento. Iniciativas, como, por exemplo, o Aval Mozo, a prioridade dos menores de 36 anos no acceso ás vivendas de promoción pública ou o Bono Emancípate.