O deputado do Grupo Popular Raúl Santamaría, acompañado do deputado nacional Juan Bayón e a portavoz do PP en Vilagarcía, Ana Granja, visitaron as obras de construción da nova estación marítima de Vilagarcía nas que a Xunta investirá preto dun millón de euros. Neste momento, estanse ultimando os traballos de demolición das antigas edificacións existentes na zona para, de seguido, dar paso á construción da nova estación, co obxectivo de que estea rematada ao longo do vindeiro 2026.
Raúl Santamaría manifestou que a nova estación marítima “permitirá ampliar a oferta de servizos turísticos que na actualidade xa se prestan en Vilagarcía, neste caso coa vista posta no impulso do turismo náutico, tanto para o atraque de embarcacións de visitantes á comarca de Arousa como para a chegada de peregrinos que fagan a ruta marítima cara Santiago remontando o río Ulla”.
INSTALACIÓNS MODERNAS E ACCESIBLES
“Logo dos imprevistos que se viviron para o inicio destas obras, agora a construción da nova estación marítima avanza segundo os prazos previstos, polo que todos esperamos que esta nova infraestrutura turística sexa unha realidade ao longo do vindeiro ano e podamos gozar dunhas instalacións modernas e accesibles que sirvan de atractivo turístico”, dixo o deputado popular.
As instalacións da estación marítima completaranse coa construción dun novo pantalán a cargo da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, unhas instalacións que permitirán un atraque máis seguro e cómodo para as embarcacións e tamén unha maior seguridade para o embarque e desembarque dos pasaxeiros.