O PPdeG destaca o incremento de 6,6 M€ que o Goberno galego destinará ao Servizo de Axuda no Fogar dos 15 concellos da Mariña –Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove-, nos 3 vindeiros anos.
Así o trasladaron en sendas xuntanzas con veciños de Barreiros e Burela, os deputados do Grupo Popular no Parlamento, Raquel Arias, Nicole Grueira e Enrique Barreiro, tras o anuncio por parte da administración autonómica de aumentar de forma progresiva o prezo por hora, pasando dos 12 euros actuais aos 18 euros, en 2028. Raquel Arias explicou que a Xunta pasará a destinar 12M€ nos concellos nestes tres anos, en vez dos 5,3M€, previstos cos actuais12€/h.
Durante estes encontros, no que estiveron acompañados polos voceiros do PPdeG nos municipios, Enrique Barreiro puxo en valor o esforzo inversor da Xunta e informou de que as administracións locais, desde finais de marzo e cun prazo dun mes, poderán solicitar este incremento do financiamento do SAF; que terá, ademais, efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro.
Froito do acordo entre Xunta e Fegamp, en 2026, o prezo da hora será de 16 euros; en 2027, de 17 euros; e, en 2028, de 18 euros. Deste xeito, este ano, en cifras aproximadas, Alfoz recibirá 432.000€; Barreiros, 342.000€; Burela, 614.000€; Cervo, 294.000€; Foz, 960.000€; Lourenzá, 267.000€; Mondoñedo, 390.000€; Ourol, 162.000€; A Pontenova, 390.000€; Ribadeo, 577.000€; Trabada, 275.000€; O Valadouro, 438.000€; O Vicedo, 233.000€; Viveiro, 1M€; e Xove, 703.000€.