A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Parlamento galego que a Xunta do Partido Popular incrementou nun 228 por cento o número de prazas en escolas infantís na Costa da Morte respecto ás existentes durante o Goberno bipartito de BNG e PSdeG. “Ademais, estas escolas infantís, do mesmo xeito que acontece en toda Galicia, son gratis para todas as familias, independentemente de onde vivan, do número de fillos que teñan e da titularidade da escola infantil escollida”, engadiu.
Raquel Arias concretou que nos últimos anos creáronse ou incrementáronse o número de prazas en escolas infantís nos concellos de Zas (pasou de 30 a 41 prazas), Ponteceso (ampliación de 41 a 61 prazas), Carnota (41 prazas), Fisterra (41 prazas), Mazaricos (41 prazas) e Malpica (41 prazas), ademais de manter as xa existentes en Muxía (20 prazas) e Camariñas (61 prazas). “En total, sumando estas escolas infantís dependentes da Xunta xunto coas municipais, son 492 prazas totalmente gratuítas para as familias, gracias ao financiamento do Goberno galego”, incidiu.
GALICIA LIDERA A TAXA DE COBERTURA
Así mesmo, a portavoz popular explicou que o Diario Oficial de Galicia xa publicou o pasado día 30 de agosto a orde para que os concellos soliciten o financiamento para a gratuidade das escolas infantís municipais. “Son 7,7 millóns de euros para garantir, un ano máis, a aplicación desta medida en arredor de 7.300 prazas para nenos de 0 a 3 anos nos 140 centros que dependen dos concellos”, dixo.
“Galicia é a primeira comunidade autónoma coas escolas infantís gratis de 0 a 3 anos, liderando a taxa de cobertura con máis do 56 por cento, 12 puntos por enriba da media estatal”, manifestou Raquel Arias. Para iso, a Xunta destina cada ano 60 millóns de euros de fondos propios, polo que insistiu que “seguiremos a reclamar que o Goberno central achegue financiamento ás comunidades autónomas para establecer esta gratuidade, como leva repetido reiteradamente”.